Tuesday 14 de May de 2024

Do bookcrossing ao book folding para seguir fomentando a paixón pola lectura dentro e fóra das bibliotecas


• Instalado de novo o punto de troco de libros no mercado municipal

• A biblioteca da rúa San Xoán Bautista acollerá o día 25 un obradoiro de book folding

A Concellaría de Bibliotecas quere seguir fomentando a paixón pola lectura, pero non só de portas para dentro, senón tamén nas rúas. Por iso, á recente posta en marcha do Mapa Literario de Carballo, con dúas rutas que están tendo moitísima demanda e polas que pronto organizaremos máis visitas guiadas, sumamos agora a reapertura da zona de intercambio de libros do mercado municipal. Neste punto poderás recoller os exemplares que queiras e liberalos en calquera outro lugar despois de lelos, porque, ao contrario do que sucede nas bibliotecas, nos puntos de bookcrossing non hai que devolver os libros.

Coincidindo co peche da Biblioteca Municipal Rego da Balsa por obras, os libros están na rúa e tamén chegarán nos vindeiros días aos centros educativos, aos que, como xa é costume, faremos chegar unha selección dos últimos títulos editados por autores locais.

E ademais poñemos en marcha unha serie de actividades de dinamización na Biblioteca Municipal da rúa San Xoán Bautista. A primeira consistirá nun obradoiro de book folding, que basicamente é unha técnica artística de dobrado de libros que permiten darlles unha nova vida converténdoos en obxectos decorativos ou, agora que se achega o Nadal, nun bo e orixinal agasallo para familiares e amigos.

Elena Caamaño é toda unha experta, e será a monitora do taller que se celebrará o vindeiro sábado 25, a partir das 10.30 horas. A iniciativa vai dirixida a persoas maiores de 14 anos e temos un límite de 20 prazas, polo que as persoas interesadas deben inscribirse o máis axiña posible, a partir do luns 20, na propia biblioteca.